O ENCAIXE A arte do encaixe puido chegar a Galicia a través de distintas vías, entre as que se citan as culturas de fenicios, gregos, romanos e italianos. Dentro do illamento secular que padeceron as terras do noroeste, cabe destaca-la importancia do Camiño de Santiago, que se prolonga ata Fisterra e Muxía, como unha maneira de intercambio cultural con Europa, onde o encaixe gozou de grande prestixio, sobre todo nos territorios de Inglaterra, Flandes, Francia e Italia. A expansión da industria encaixeira en Galicia estivo relacionada coas zonas de producción do lino e coas vías de comunicación terrestres e marítimas; así Santiago e toda a costa foron territorios nos que se arraigou esta artesanía. Producíase nos pazos señoriais, nos conventos e nas industrias domésticas de agricultores e pescadores que buscaban na "almofada" un complemento das súas economías. A demanda procedía da nobreza, do clero, do estranxeiro (sobre todo de América), e tamén das xentes que acudían ás feiras e mercados da rexión. Durante os séculos XVIII e XIX asístese a un perfeccionamento da artesanía que se vincula a unha intensa relación peninsular e a súa expansión por terras hispanas e americanas.
Nos primeiros anos do S.XX a industria do encaixe sufreu unha decadencia debida, por unha parte, ós cambios na moda e, pola outra, ás crises comerciais de Cuba e Arxentina, as súas principais fontes de demanda. Como xa se mencionou anteriormente, foi en parte gracias á prolongación do Camiño de Santiago cara Fisterra e Muxía a maneira na que se introduciu dun xeito importante a arte do encaixe na zona da Costa da Morte. A tradición cóntanos que despois de pasa-los meses de verán e rematada-las faenas do campo, as mulleres das aldeas xuntábanse en grupos, nun local dunha delas, costeando entre todas os gastos da luz e alí pasaban a maior parte das horas do día e algunha da noite sentadas a ámbolos lados dun banco longo onde apoiaban as súas almofadas de palillar, pasando os pares que producían un son característico que ensordecía todo o ambiente. Pero as palilladas tiñan tamén unha función social e de diversión. Mentras se palillaba comentábanse as novas que aconteceran na aldea e a elas acodían os mozos a mocear, organizábanse bailes de pandeireta e polo Entroido eran lugares de visita obrigada dos entroideiros. Na actualidade tanto o Concello de Muxía como as propias palilleiras tentan sacar adiante empresas e asociacións para xestionar esta producción e chegar ó comprador cos prezos e a calidade necesarios que lle proporcionen a este encaixe a relevancia económica e o prestixio que sempre debeu ter. Hoxe en día están funcionado as seguintes entidades relacionadas con esta artesanía:
|