UNHA VILA CON HISTORIA Muxía é unha vila mariñeira por excelencia; a maioría das súas casas están construídas enriba do tómbolo de area que se formou entre a península que acada o seu punto máis alto no Monte Corpiño (67 m.), verdadeira mole granítica situada ó norte da vila, e o Monte Enfesto na parte sur.
As primeiras casas estaban situadas na zona da ribeira ó abeiro do Monte Corpiño, onde estaba a antiga praia hoxe desaparecida pola construcción do Malecón e o porto. A praza do Cabo da Vila, como ben indica o seu nome, formaba o extremo sur do núcleo urbano. A zona da Camposa, na actualidade totalmente urbanizada, era a zona máis chaira onde se situaban as poucas terras de cultivo que dispoñían os seus habitantes. Resulta difícil, pola falla de documentación e vestixios históricos, saber como e cando se fundou a vila de Muxía. A súa orixe está deseguro vencellada a estes tres factores: O Mosteiro de San Xiao de Moraime, que exerceu unha grande influencia durante toda a Idade Media sobre as terras do seu arredor; o Santuario da Virxe da Barca - a historia deste santuario vai parella á historia de Muxía -, e por último o Conde de Altamira, de quen un dos seus homes máis achegados, o Capitán Fernán Álvarez de Carantoña, posuía un pazo na vila situado no lugar da Pena do Pazo. Non obstante, podemos citar algúns exemplos de referencias históricas como son:
A principios do S.XIX sobresaía xa a importancia pesqueira de Muxía, destacando sobre todo as capturas de sardiña e congro; a mediados do século, a vila xa cumpría a función comercial e de servicios con respecto ó resto do concello, comezando a sobresaír tamén de maneira importante a arte do encaixe.
A principios do S.XX Muxía era unha vila mariñeira que contaba con algo máis de mil habitantes. A praia era o lugar de atraque das pequenas embarcacións que se movían a remo ou a vela, mentras que a Praza da Constitución era o centro da vila onde se celebraba o mercado. A primeira vía de comunicación coa que contou Muxía foi a estrada Muxía-Berdoias, que lle permitía comunicarse coa capital da provincia a través dos primeiros transportes de motor aparecidos nos anos vinte. É tamén a finais desta década cando chega á vila a luz eléctrica. Os anos da Guerra Civil e da Posguerra foron difíciles tanto para o progreso cultural como para o económico, sendo a partires dos anos 50 cando comeza a desaparecer esta miseria debido á cotización do peixe. A verdadeira explosión económica da vila producíuse co descubrimento do caladoiro "Canto", facendo cambia-lo aspecto da vila por completo principalmente durante a décsada dos 70 (renovación completa da flota pesqueira, construcción de novas casas con materiais de ladrillo e cemento, etc.), aínda que hoxe en día a importancia do sector non é tan alta debido á reducción do número de capturas e de especies. Na actualidade Muxía é unha vila mariñeira que actúa de centro comercial e de servicios de todo o seu término municipal dándolle un certo dinamismo, convertíndoa nun centro de atracción para os habitantes do medio rural de todo o concello. |