REFLEXO DO SANTUARIO DA BARCA

 

A LENDA

A historia máis primitiva da vila de Muxía vai ligada á existencia dun conxunto de pedras situadas na Punta da Barca e ó culto de tipo máxico-relixioso que ó longo dos séculos se practicou cara elas. Este conxunto deu orixe a unha chea de ritos e creacións lexendarias precristianas que perduraron na posterior etapa de cristianización ata os nosos días.

Sen dúbida a Pedra de Abalar foi a que espertou maior curiosidade e atracción de cara as xentes da comarca e de fóra dela. Aínda que existen en Galicia máis penas de abalo ou cabaleiras, a máis coñecida con diferencia é esta de Muxía. Esta pena ten de perímetro uns 30 m, un espesor entre 15 e 30 cm, unha lonxitude de 8,70 m e unha anchura de case 7 m.

PEDRA DE ABALAR

Á Pedra de Abalar de Muxía son moitas as propiedades que se lle atribúen, dende unha finalidade adiviñatoria ata considerala como instrumento para proba-la culpabilidade ou inocencia das persoas.

Esta Pedra, que non deixou de abalar durante moitos centos de anos, en decembro do ano 1978 un forte temporal que afectou a toda a costa galega desprazouna do seu lugar primitivo, rompéndolle un cacho, sendo arranxada máis tarde en varias ocasións.

A Pedra de Abalar, que é un dos grandes atractivos cos que conta a Romaría da Barca, está chea de lendas das que os propios muxiáns nos poden dar testemuña. Así cóntannos que a Pedra abala cando quere, hai veces que se colocan moitas persoas enriba e non abala, e outras abala soa. Tamén din que cando abala soa, predice algunha desgracia.

Coa cristianización deste lugar apareceron moitas lendas de tipo relixioso relacionadas con esta Pedra. Vicente Risco cóntanos que durante a Guerra Civil entre Castela e Portugal, que durou sete anos, a Pedra non abalou. Tamén se conta que nunha ocasión que quixeron roubar no Santuario da Barca, a Pedra comezou a abalar tan forte que co seu ronco soar espertou a tódolos veciños, espantando ós ladróns .

PEDRA DOS CADRÍS

A Pedra dos Cadrís, que segundo a lenda cristiana simbolizaría a vela da embarcación na que apareceu a Virxe, ten forma de ril ou oso ilíaco, segundo se olle, e a ela atribúenselle propiedades curativas para doenzas dos cadrís, reuma, etc. Para que estas doenzas curen é preciso pasar nove veces por debaixo dela.

Hai outra Pedra preto destas que se denomina Pedra do Timón, pola súa semellanza co timón dun barco e tamén relacionada coa lenda da Virxe. A Pedra ou Furna dos Namorados tamén queda preto das anteriores. É un lugar recollido, sen connotacións de tipo relixioso, onde as parellas de namorados xuran amor eterno.

Na cristianización deste lugar das pedras da Punta da Barca, onde se practicaban cultos pagáns, tiveron moita importancia os monxes do achegado Mosteiro de Moraime co que deu orixe á aparición de varias lendas de tipo cristiano que tiñan como principal finalidade amingua-la propagación de cultos precristianos.

A principal destas lendas é a que se refire á aparición da Virxe ó Apóstolo Santiago que xustifica a construcción da primeira capela naquel lugar. Conta a lenda que:

'Durante as predicacións do Apóstolo polo Comarca Ártabra, despois de que por medio da súa intercesión a cidade de Duio (Comarca de Fisterre) quédase mergullada, desaparecendo tódolos seus habitantes, como castigo por desoí-las predicacións do Apóstolo e rendir culto ó sol, retirouse á solitaria comarca de Muxía e alí, na Punta de Xaviña parouse para rezar e suplicar ó Señor coa intención de que as xentes cesasen coa súa hostilidade con que era acollida a súa predicación.

De súpeto o Apóstolo olla unha barca misteriosa que se achega á beira e nela contempla a Virxe chea de fermosura e maxestuosidade. A Virxe dalle folgos ó Apóstolo e comunícalle o éxito das súas predicacións na nosa Terra, ordenándolle que volte a Xerusalén, que a súa misión nesta Terra xa estaba cumplida.

A embarcación na que chegou a Virxe á Punta de Xaviña era de Pedra, o mesmo que a vela e o timón, quedando alí depositadas. A barca era a Pedra de Abalar e a vela a Pedra dos Cadrís'.

Conta tamén a lenda que a Virxe, como mostra de amor cara o Apóstolo, donoulle unha imaxe súa, a quen Santiago ergueu un altar baixo aquelas pedras.

As primeiras testemuñas escritas sobre a cristianización deste lugar corresponden a peregrinos que seguindo a Rota Xacobea achegáronse ata estas terras, sendo os máis antigos do S.XV.