GONZALO LÓPEZ ABENTE, CANTOR DE NEMANCOS

Se Ramón Caamaño realizou unha labor dende o punto de vista fotográfico digna de mencionar, o traballo literario de Gonzalo López Abente merece tamén unha mención aparte do mesmo xeito de grande importancia.
López Abente estaba emparentado por liña materna con Eduardo Pondal, xa que o poeta muxián era neto de Leandro Abente, médico desta vila e irmán da nai do bardo bergantiñán. Se Pondal foi o cantor da Terra de Bergantiños, López Abente foino da Terra de Nemancos.
Gonzalo López Abente nace en Muxía no ano 1878; aos dez anos vaise para Santiago a facer os estudos de bacharelato e cursar a carreira de dereito.
Despois de viaxar por varios países europeos establécese na súa vila natal onde traballa nunha oficina bancaria.
A súa vida sentimental viuse truncada como consecuencia da morte da súa dona ao ano de casado. Este feito vai estar sempre presente tanto na súa vida como na súa obra. López Abente participou nos movementos políticos e culturais do seu tempo, principalmente nas Irmandades da Fala, estando ao frente da que se constituíu en Muxía, á que representou nas Asambleas Nacionalistas.
Colaborou en varias revistas e xornais: El Noroeste, A Nosa Terra, Nós, Rexurdimento, Ronsel, etc. Ao longo da súa vida publicou unha ducia de obras en distintos xéneros. Como exemplos dalgunhas delas podemos citar: “O deputado por Beiramar”(1919), “De Outono”(1924), “Buserana”(1925), “Nemancos”(1929), etc.
Despois da súa morte, acontecida o 22 de xullo de 1963, publicáronse dous libros de poemas: “Decrúa” (Buenos Aires, 1966) e “Monza de frores bravas para a Nosa Señora da Barca”, libro publicado pola Real Academia Galega no ano 1971 co gallo de adicarlle o día das Letras Galegas.
Dentro do impulso que as Irmandades da Fala quixeron dar ao teatro como vieiro de concienciación idiomática, hai que situar a súa comedia “María Rosa”, de corte sentimental.
López Abente, xunto con Cabanillas e Victoriano Taibo, son considerados como os poetas das Irmandades da Fala. Na obra do poeta muxián, de corte costumista, están sempre presentes o amor e as paisaxes da súa terra natal.
Muxía contará en breve cunha exposición permanente da vida e obra deste ilustre muxián.
NO MONTE CORPIÑO
Penedos, altos penedos
do Corpiño vixiante;
sodes, como o meu amor,
tristes, barudos e grandes.
¡Cantas veces, cantas veces
dende o curuto en que estades
sufríchedes impasibles
o furor dos temporales!
Nin os ventos que arrincaron
doridas queixas aos mares,
nin as furias medoñentas
das frecuentes tempestades,
de movervos unha vez,
penedos imperturbables,
de movervos unha vez
foron ata hoxe capaces;
que sodes, altos penedos
do Corpiño vixiante,
o mesmo que o meu amor,
tristes, barudos e grandes.
(Escumas da Ribeira)