Saltar navegación

Festas e Eventos : A Romaría da Barca

A Romaría da Nosa Señora da Barca

Xente na romaría da Virxe da BarcaA Romaría da Barca de Muxía é unha antiga celebración de culto (a súa antigüidade vai parella á data da fundación da primeira capela cara o século XI ou XII) que segue aínda nos nosos días congregando a unha cantidade inxente de feligreses vidos de tódalas partes de Galicia e incluso de fóra que acuden ao Santuario da Barca a abalar a Pedra de Abalar e pasar por debaixo da Pedra dos Cadrís, das cales pénsase que teñen propiedades curativas e que chaman á solidariedade da xente.

Pero ao mesmo tempo foise creando unha festa paralela á celebración relixiosa, converténdose a Romaría da Barca na máis importante da Costa da Morte e en punto de encontro dos xoves que chegan a milleiros a Muxía o sábado pola noite para estar ata o amencer bailando e disfrutando dun ambiente único e cheo de alegría. Por iso pódense ver todos os anos esceas moi curiosas, ao mesturarse a xente que regresa da festa e a xente que vai para os actos litúrxicos do Santuario.
A Romaría da Barca celébrase o segundo domingo de Setembro, agás cando este segundo domingo é o día oito, que entón pasa ao seguinte, isto é, ao quince; por iso existe o seguinte dito: "A Romaría da Barca non baixa do nove nen sobe do quince" (referíndose ao domingo da Barca).

Romaría da Virxe da BarcaÁbrese o proceso festivo coa celebración da Novena, a cal é moi concurrida pola xente da vila. O último día da Novena, o venres da Barca, esta asistencia aumenta debido ós romeiros que, en cumprimento da súa promesa, veñen camiñando dende os seus lugares de orixe.

O sábado é o primeiro día grande da festa e a afluencia de xente aumenta considerablemente. Ao longo do día o camiño que leva ao Santuario semella unha continua procesión e a ambas as beiras comézanse a situar os típicos tenderetes de festa: xoguetes e enredos para os nenos, froita, pan, roscas, etc. O sábado pola tarde comeza a verdadeira romaría festiva: despois dos xantares ao aire libre, a xente ten gañas de festa e en diferentes lugares comezan a verse grupos de romeiros bailando ao son dunha pandeireta ou gaita galega. Este aire festeiro continua toda a tarde e noite do sábado, animado por bandas de música que actúan ata a mañanciña do día seguinte. O domingo celébrase a Misa Grande ao aire libre no exterior do Santuario e ao seu remate comeza a procesión na que participan milleiros de persoas que dende a Barca diríxense á ribeira da vila onde se procede á bendición das augas. Logo comeza a ensordecedora traca de foguetes e morteiros que fan tremer o chan. A procesión vai percorrendo varias rúas camiño da igrexa parroquial de Santa María, onde se acolle á Virxe ata o día seguinte.

Na tarde e noite do domingo continua o ambiente festeiro iniciado o día anterior.

O luns de mañán, na misa, os mariñeiros cantan a "Salve Regina" con grande devoción cara Nosa Señora e en procesión a Virxe lévase de novo ata o Santuario.

Da intensidade coa que se vivía a Romaría da Barca fálanos Eduardo Torner nun artigo publicado no xornal ABC no ano 1931:

"En tan épico escenario se oyen durante los tres días de esta romería a la Virgen de la Barca las canciones más líricas de la musa gallega. Aquí la copla que anima el baile del pandero, la ruada, siempre optimista; las notas bulliciosas de la gaita, el canto de algunos mozos con coplas de taimería; el chillar del violín de un ciego romancista; golpes de bombo; repiqueos de tambor; mil ecos de alalás, de foliadas, de muiñeiras,...y de todas partes, por encima de la algarabía, vuela, luminosa y vibrante, la saeta del aturuxo".


Volver

By Abertal
Concello de Muxia