|
O SANTUARIO DA VIRXE DA BARCA HISTORIA DO SANTUARIO Aínda que o primeiro documento escrito que se conserva deste Santuario data do ano 1544, a cristianización deste lugar así como a fundación da primeira capela adicada a esta Virxe tivo que ser moi anterior. De feito o anterior documento fai referencia a unha carta executoria dun expediente promovido por D. Fernando de Castro, párroco da vila de Muxía, dirixida ó Arcebispo de Santiago, D. Lope de Mendoza, solicitándolle-la anexión da capela da Barca á parroquial de Santa María, fundándose en: "Por servicio de Dios y devoción de los vecinos de esta villa y de otras partes que iban al lugar que se decía Das Cruces, en donde había una ermita de Nuestra Señora de la Barca, y para que mejor fuera servida y tratada se lo mandara y diera licencia y facultad para que en el lugar donde estaba dicha ermita, se hiciera y reedificara, según hasta entonces estaba edificada y para anexionarla e incorporarla a la iglesia parroquial de Santa María de Mugía". O deterioro no que se atopaba esta primeira capela fainos considerar que a súa antigüedade proviña dun ou dous séculos atrás, polo que podemos deducir que a primeira capela levantada neste lugar debe datar do século XI ou XII. Esta capela foi reconstruída varias veces, segundo consta nas executorias do arquivo parroquial, ata que a principios do século XVIII, concretamente no ano 1719, se constrúe o actual templo. As obras foron costeadas coas doazóns que fixo D. Xoan de Rivadeneira, Conde de Frigiliana, continuadas pola súa filla Tereixa de Taboada e o seu xenro, o Conde de Maceda, D. José Benito Lanzós Novoa e Andrade. A pedra utilizada procedeu na súa maior parte dunha casa arruinada que tiñan os monxes de Moraime situada na zona da ribeira (onde hoxe está a actual lonxa) e que en anos anteriores fora propiedade da familia dos Carantoña. No ano 1729 D. Antonio Pedro de Nolasco, Conde de Maceda, solicítalle permiso ó arcebispo de Santiago para poder traslada-las cinzas dos seus pais a este Santuario, séndolle autorizado este permiso. O traslado faise ó ano seguinte. O conde de Maceda xace no Altar Maior ó pe do Evanxelio e a súa dona, a Condesa de Taboada, está no lado da Epístola. Nas súas lousas de pedra están graváda-las súas armas. A Casa Rectoral que hai de par da Capela así como o campanario que hai independente construíronse posteriormente. A primeira data do ano 1828, construída por mandato do párroco de Muxía D. José Fondevila Martínez, e o segundo data do ano 1834. As torres do Santuario son de construcción recente (1958), sendo costeadas por D. Romualdo Bentín Moreira, natural da vila de Muxía. ESTILO ARQUITECTÓNICO DO SANTUARIO
En conxunto resulta un edificio de estilo barroco pero non falto de influencias do clasicismo do século anterior. A súa austeridade e monotonía ráchase coa rica ornamentación dos seus retábulos. OS RETÁBULOS Hai documentados cinco retábulos anteriores ós actuais que existen no Santuario. De todos eles tan só se conserva o que fora maior, donado polo arcebispo de Santiago D. Antonio Monroy e que se atopa na igrexa parroquial de Santa María de Muxía. O retábulo Maior actual é obra do artista compostelano Miguel de Romay, de estilo barroco e está adicado á Virxe da Barca. Contrátase no ano 1717 por D. Francisco Mourín, administrador do Conde de Maceda. Divídese no sentido vertical en tres rúas e no horizontal en tres corpos. A separación das rúas faise por medio de pilastras con abundante decoración. O primeiro corpo, dividido por pedestais, ten nos extremos da súa base catro cabezas de leóns e no medio de cada dúas as portas da sacristía; de par destas están os releves dos oito patriarcas (Santo Domingo, S. Bieito, S. Agustín, S. Pedro Nolasco, S. Bernardo. S. Francisco, S. Ignacio, S. Caetano). O corpo central, o máis amplo e vistoso de todo o conxunto, ten as dúas rúas laterais adicadas ós Apóstolos con releve de medio corpo, converxendo todo cara o centro onde se sitúa o camarín da imaxe gótica da Virxe da Barca, obra do século XIV. Este corpo, profundamente decorado a base de cabezas de anxos, castelos, soles, lirios, estrelas, etc, resulta se-lo máis barroco de todo o retábulo. O último corpo do retábulo, de maior simpleza decorativa, adáptase á curvatura da bóveda, sendo a súa estructura semellante á dos dous anteriores. Seguen os bustos dos Apóstolos nas rúas laterais, adicando a súa parte central ó tema mariano da Coroación. Hai outros dous retábulos máis barrocos: o de San Xoan e o de San Miguel, situados un frente ó outro no brazo longo da nave. O primeiro deles foi donado por D. Xoan Antonio Caamaño Varela, Sr. de Romelle, e consta de tres corpos e tres rúas. O corpo central, en lugar de estar dividido por columnas salomónicas, o está por motivos naturais. No centro atópase a imaxe de S. Xoan dentro dun fornelo, con bordes decorados de encaixe. O retábulo de San Miguel estivo adicado nun principio a Santiago Apóstolo. A súa construcción data da mesma época que o altar maior e posiblemente fora doado polos Condes de Maceda. O seu estilo, pertencente á escola de Romay, seméllase ó de S. Xoan, sustituíndo os motivos decorativos naturalistas daquel por motivos simbólicos que fan relación ó Apóstolo. Aínda hai catro altares máis cos seus respectivos retábulos neste Santuario. Dous situados simétricamente no centro dos brazos do cruceiro: o da Saleta e o da Purísima Concepción construídos no ano 1872 e outros dous, nos extremos das escaleiras que dan acceso ó prebisterio, adicados ó Santo Cristo e á Virxe das Dolores, mandados construír por D. José Fondevila con fondos do Santuario. |