|
O MOSTEIRO DE SANTA MARÍA DE OZÓN Aínda que non hai documentos sobre a súa fundación, hai quen atribúe a súa construcción ós Pais Bieitos de Santa María de Tosto, na parroquia de Xaviña (Camariñas), que tralas dificultades que tiveran para vivir naquel lugar, debido ós continuos saqueos que sufriran, decidiron trasladarse a Ozón onde edificaron o mosteiro. Os vestixios que se conservan do antigo mosteiro son poucos: entre o muro sur da actual igrexa e o muro que fai de cerca á horta da casa rectoral hai un pasadizo que remata nun fermoso arco oxival onde estaba a entrada do primitivo mosteiro; tamén neste mesmo muro sur da igrexa podemos observar un arco tapiado das mesmas características que o anterior, onde estaba situada a porta da comunicación do cenobio coa igrexa. A parte máis achegada á igrexa do edificio, onde hoxe está a casa rectoral, aínda conserva o antigo lagar onde facían o viño os monxes do mosteiro. Na fachada deste mesmo edificio hai incrustadas na parede, de par dunha fiestra, unhas górgolas procedentes do antigo claustro do mosteiro. |