A IGREXA PARROQUIAL DE SANTA MARÍA DE MUXÍA

Ó abeiro do Monte Corpiño e sobre unhas rochas, no extremo norte da vila de Muxía, sitúase a igrexa parroquial de Santa María de Muxía. Son poucos os datos que se teñen sobre a orixe deste fermoso templo. Sabemos que no ano 1203 foi doada polo Papa Inocencio III, con tódalas súas pertenzas, ó mosteiro cisterciense de Carracedo (O Bierzo).

Pertence esta igrexa, a igual que moitas outras galegas, a un estilo románico de transición, formada por unha soa nave, con cuberta de madeira e dividida en tres treitos por dous arcos apuntados que se apoian en columnas adosadas ós muros laterais.

O ábside é de forma rectangular, accedéndose a el a través dun arco triunfal apuntado, apoiado, a igual que os outros tres que treman da bóveda, sobre semicolumnas todas elas rematadas en capiteis adornados con distintos motivos.

A porta principal da igrexa, que da ó antigo camiño que conducía ó Santuario da Barca, é tamén de arco apuntado, cunha arquivolta adornada cun bocel e apoiada sobre dúas columnas que teñen por base dous capiteis de mármore, que algúns autores consideran de orixe romana. O tímpano é liso, apoiándose sobre ménsulas esculpidas, unha delas semellando a figura dun frade. É posible que a escultura de pedra que agora está dentro da igrexa, entrando á dereita, ocupase noutro tempo este tímpano.

Tanto na parte sur coma no testeiro da igrexa aparecen contrafortes que axudan a reforza-los muros. Na parte sur, entre dous contrafortes, ábrese unha porta de forma rectangular. Baixando unhas escaleiras e adosado a este mesmo muro está o sartego do párroco D. José Fondevila Martínez, falecido o ano 1874, benefactor do Santuario da Barca.

Nesta mesma banda da igrexa, no lugar onde se construíron uns nichos, atopábase a capela da Encarnación, derrubada non hai moitos anos. Esta capela de forma cadrada, cunha porta de arco semicircular, era unha obra do século XVI e foi fundada por Alonso García, veciño de Muxía.

Adosada ó muro norte, á que se accede dende o interior da igrexa a través dunha porta oxival, atópase a interesante capela do Rosario de estilo gótico, construída a finais do século XIV, de forma rectangular, cuberta con bóveda de crucería na que os seus arcos diagonais apoianse en cada esquina sobre ménsulas rematadas en fermosos capiteis.