|
A IGREXA DE SAN XIAO DE MORAIME A igrexa de San Xiao de Moraime é un edificio románico do século XII, de planta basilical con tres naves e tres ábsides. A nave central, máis ancha que as laterais, está dividida en cinco tramos con arcos de medio punto, a diferencia das naves laterais que os teñen apuntados. O muro norte está dividido en cinco tramos separados por catro columnas que descansan sobre un bancal que percorre todo este muro. Entre este tramo atópanse, alternando, unhas fermosas ventás cegas, cuns vans que se abren ó exterior en talude. A nave lateral sur presenta as mesmas características que a norte, aínda que con certas diferencias motivadas por estar adosado a ela o antigo mosteiro, que comunicaba coa igrexa por unha porta de grande valor arquitectónico, que ata hai pouco estivo tapiada. A demáis decoración da igrexa está representada polos capiteis adornados con motivos vexetais e por unhas pinturas descubertas no ano 1970, debaixo da capa de cal que cubría as paredes interiores. Estas pinturas, divididas en oito lenzos, representan os sete pecados capitais e a morte, á que lle disparan as súas frechas. Sobre a datación das pinturas hai diversas opinións: mentras que para uns son da época medieval, para outros a súa antigüedade non vai máis alá do século XVII. Debido á humidade estas pinturas están en moi mal estado de conservación. A fachada principal está dividida en tres corpos, separados por dous contrafortes que se corresponden co arranque das naves. O corpo central de grande anchura é de onde sobrepasa o pórtico que da acceso ó interior da igrexa. Nos corpos laterais ábrense cadansúa ventá semicircular de fermosa construcción, habendo enriba de cada unha un rosetón. Cada ángulo lateral da fachada remata nun campanario: o do lado norte conserva a súa forma orixinaria, o do lado sur está modificado. O muro lateral norte está composto de cinco contrafortes unidos en arco. O muro da parte sur está dividido por tres pilares e dous grandes contrafortes, recorrido por un alero a mediana altura que nos indica que a este muro estivo adosado o antigo mosteiro. É neste muro onde se atopa a porta descuberta no ano 1975, adornada con catro columnas decoradas con motivos xeométricos e flores de lis nos seus fustes e rematadas en fermosos capiteis. Tres arcos a modo de arquivoltas, adornados con diversos motivos, completan o trazado arquitectónico desta fermosa porta. Nas xambas hai representadas a figura dun bispo e no lado oposto San Bieito co libro da súa Orde. No tímpano represéntase a Última Cea con Xesucristo no medio e tres Apóstolos a cada lado. Preto da igrexa, frente a parte sur da fachada vemos un edificio, construído a mediados do século XVIII, que sustituiu ó primitivo mosteiro e que máis tarde se convertiría en casa rectoral. Durante o ano 1972 fixéronse unhas excavacións na leira que hai na parte sur da igrexa, baixo a dirección de D. Manuel Chamoso Lamas, nas que se atoparon restos de construccións e diversos materiais antigos, algúns deles atribuídos á época romana, e grande cantidade de enterramentos. Na parte norte da igrexa está o campo cercado por un muro de pedra e presidido por un cruceiro, onde se celebran as festas patronais da parroquia. A rentes do muro sur deste campo pasaba o Camiño Real que se dirixía cara Muxía, hoxe de pouco uso debido a que o acceso a igrexa faise a través dunha pista, que continua cara os lugares de Casanovas, Oruxo -lugar onde se conserva un curioso hórrreo facendo ángulo- e Xurarantes, aldea de interese polas construccións tradicionais que conserva. |